
O PSdeG de Oleiros critica a confrontación entre Concello e Xunta polos buses: “uns por outros, a casa sen varrer”
Os socialistas de Oleiros trasladáronse ao cartel metálico con forma de autobús instalado polo Concello en Santa Cristina, para denunciar a “confrontación e o lío” entre o Goberno local e a Xunta.
“Hai uns días vimos como Gelo aproveitou para confrontar unha vez máis coa Xunta de Galicia, poñendo en peligro un servizo, a liña 1A, que se aprobara no verán”, sinalou a candidata socialista á alcaldía Carmen Acuña en referencia á instalación do cartel en forma de autobús.
Uns días despois da súa instalación, explica Acuña, “puidemos ver diante do mesmo autobús de mentira neste caso á candidata do PP, da man da conselleira Ethel Vázquez, unha vez máis, confrontando co Concello de Oleiros”. “Uns por outros, a casa sen varrer”, criticou.
Os socialistas de Oleiros sinalan que, fronte a este intercambio de acusacións, “o PSdeG-PSOE ofrece, efectivamente, solucións”. Dende a formación propoñen potenciar “a mesa de alcaldes de toda a área que, con diálogo, pode buscar solucións de mobilidade importantes para o Concello”.
A candidata socialista á alcaldía fixo fincapé nas competencias das que si dispón o Concello de Oleiros para mellorar o transporte público no Concello e obter melloras para a veciñanza. “Diálogo en lugar de confrontación, negociación en lugar de bronca”, reiterou Acuña.