
O PSdeG de Ribeira apoia as protestas veciñais contra a falta de médico en Corrubedo
O PSdeG-PSOE de Riberia estivo unha vez máis presente nunha nova concentración da veciñanza de Corrubedo esixindo un médico a tempo completo na parroquia.
Francisco Suárez-Puerta, candidato socialista á alcaldía, participou de novo da protesta, denunciando un incumprimento das promesas por parte do Goberno local e da Xunta. “Anunciouse, como manobra electoral, que se van sacar dúas prazas, pero a situación segue estando exactamente igual”, sinalou.
O socialista apuntou ao Partido Popular, “tanto na Xunta como no Concello”, como responsable desta situación e dos incumprimentos das promesas feitas á veciñanza.
“Vamos seguir protestando cos veciños e veciñas”, afirmou Suárez-Puerta, tras meses de protestas contra a falta de servizos na parroquia. “Isto non pode seguir así”, engadiu.
Esta falta de médico a tempo completo en Corrubedo englóbase, para o candidato socialista, nun contexto de abandono desta zona. “A parroquia está totalmente esquecida, moitas zonas carecen do mantemento básico”, indicou, poñendo como exemplo que “non hai máis que tres papeleiras en todo Corrubedo”.
Os socialistas de Ribeira anunciaron que despois da concentración veciñal que se celebrará o vindeiro xoves por este mesmo motivo reuniránse cos veciños para tratar conxuntamente a problemática.