O PSdeG de Oleiros denuncia a “confrontación entre a Xunta e Gelo”, que “nin funciona nin soluciona” a problemática dos buses

O PSdeG-PSOE de Oleiros trasladouse onde o cartel instalado polo goberno local para reclamar unha liña de bus á Xunta de Galicia, denunciando que a “confrontación e as broncas” non son eficaces para solucionar os problemas da cidadanía. 

A candidata socialista á alcaldía de Oleiros, Carmen Acuña, criticou que “a maqueta do bus de gelo nin funciona nin soluciona nada”, mentres que o Concello ten competencias sobre transporte a nivel interno do municipio que si permitirían solucionar varias problemáticas. 

Mentres o Goberno de Gelo instalaba o cartaz en Santa Cristina, os socialistas fletaron un bus que percorreu lugares mal comunicados do municipio, como Os Regos, Lorbé ou Iñás, para visibilizar a falta de liñas de bus suficientes, algo sobre o que o Concello si tería competencias. “Mentres Gelo e a Xunta ofrecen confrontacións, o PSOE ofrece solucións”, afirmou Acuña. 

Sobre o cartel en forma de autobús, Carmen Acuña sinalou que “unha vez máis, o alcalde de Oleiros pretende solucionar os problemas da xente con confrontación, con broncas”. 

En contraposición, “os socialistas e as socialistas de Oleiros ofrecemos diálogo e negociación, pois temos moi claro que é escoitando e falando como se chega ao entendemento”, destacou Acuña. 

Dende o PSdeG-PSOE de Oleiros propóñense “consolidar esa mesa de alcaldes capaz de  negociar coa Xunta, co peso e a capacidade necesarias para atender as  necesidades de mobilidade da área”. 

Algunhas novas relacionadas