
O PSdeG presenta a candidatura de Alberto Rivera en San Sadurniño fronte ao “proxecto esgotado do actual goberno”
O PSdeG-PSOE de San Sadurniño presentou a súa lista para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, encabezada por Juan Alberto Rivera. O candidato estivo acompañado por Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG provincial, e Natividad González Laso, deputada no Congreso.
Alberto Rivera sinalou o seu obxectivo de “mellorar o clima social no Concello” deixando atrás o “proxecto esgotado do actual Goberno”, en mans do BNG.
Entre as propostas enumeradas polo candidato á alcaldía están “o mantemento da rede viaria, a mellora da rede de abastecemento de auga e o aumento da transparencia e a participación cidadá”.
Fernández Piñeiro, pola súa banda, destacou que o do PSdeG é “un proxecto de presente e sobre todo de futuro para este Concello”, mentres que o actual Goberno local “carece de ambición e polo tanto está a hipotecar o futuro da veciñanza”.
“Fronte a iso, dende o Partido Socialista presentamos unha candidatura renovada con veciños e veciñas que por enriba de todo están dispostos a defender con unllas e dentes os intereses deste fermoso municipio”, sinalou o secretario xeral provincial.