
O PSdeG de Oleiros denuncia a falta de liñas de bus internas no municipio
O PSdeG-PSOE de Oleiros fletou un autobús propio co que percorreron varias zonas do Concello, co obxectivo de visibilizar a actual falta de liñas de transporte público internas. O bus viaxou entre Lorbé e Os Regos e entre Iñás e o Centro de Saúde A Covada.
Carmen Acuña, candidata socialista á alcaldía, denunciou durante o percorrido que entre as diferentes zonas de Oleiros hai “moita desigualdade”, xa que algunhas delas están “moi esquecidas, sen servizos, sen boas estradas e, por suposto, sen conexións”.
A candidata critica que o transporte público interno de Oleiros ten “unha insuficiente cobertura horaria e non cobre todo o territorio”. “Todo require coche, adoita ser a única opción se queres ir a unha instalación deportiva, facer algunha xestión no Concello ou acudir ao centro de saúde”, enumera Acuña.
En referencia ao acto do propio Concello de Oleiros onte, no que instalaron un cartel publicitario en Santa Cristina para reclamar unha conexión de bus coa cidade da Coruña á Xunta, Carmen Acuña sinalou: “Nós falamos de problemas e solucións que se poden aplicar no Concello”. “Queremos mellorar o transporte público en Oleiros, non perder o tempo en confrontar con outras administracións”, engadiu.
Baixo o lema “Unha liña necesaria”, os socialistas de Oleiros levaron o seu bus por varios puntos do Concello. O primeiro percorrido do mesmo foi entre Lorbé, na parroquia de Dexo, e Os Regos, na parroquia de Liáns.
Este primeiro percorrido xurdiu a partir da experiencia dunha veciña do municipio e paciente de Acuña, médica de profesión. “Ela estaba en paro e conseguira un curso de formación remunerado, pero tivo que renunciar a ese salario e a esa oportunidade porque non tiña un medio de transporte co que chegar alí ás oito da mañá”, contou Acuña.
Despois, os socialistas percorreron o traxecto entre Iñás e o Centro de Saúde A Covada, na vila de Oleiros. “Zonas como Iñás ou San Pedro tampouco teñen unha boa cobertura para algo tan básico como ir ao Centro de Saúde”, sinalou a candidata socialista.