
O PSdeG presenta a candidatura de Francesca Valle para lograr un goberno local “útil para Mazaricos”
O PSdeG-PSOE de Mazaricos presentou a súa lista para as vindeiras eleccións municipais, encabezada por Gabriella Francesca Valle Martínez. A candidata á alcaldía estivo acompañada no acto, entre outros, por Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial.
Valle Martínez comezou a súa intervención manifestando que o seu obxectivo, “por enriba de gobernar é serlle útil a Mazaricos”.
O Concello leva 28 anos con gobernos de maioría absoluta do PP e o BNG “que non foron capaces de dotalo dun PXOM que nos permita entre outros ter un parque empresarial”. “Uns e outros gobernaron, pero non foron útiles a Mazaricos”, afirmou a candidata.
A auga foi un dos puntos clave do discurso de Valle Martínez, que sinalou a necesidade de crear as infraestruturas necesarias para traela de “encoros e grandes ríos” e non dun río “que non da máis de si” como ata agora. “Unha falta de auga podería ser dramático para o noso gando”, lembrou.
A candidata socialista tamén recalcou a necesidade de “coidar con máis esmero” os nucleos urbanos do municipio, cun servizo de limpeza permanente inexistente ata o momento.
As estradas do municipio tamén foron centrais na intervención, sinalando tanto a necesidade de mellorar o mantemento das vías de responsabilidade municipal como de traballar coas outras administracións para renovar as restantes.
Valle Martínez apuntou tamén á necesidade dun plan de “recuperación de vivendas que se atopan en estado deficiente ou de total abandono para fomentar o aluguer permanente e así contribuír o aumento da poboación” entre outras medidas de vivenda.
A candidata propuxo tamén a humanización e embelecemento de espazos urbanos, impulsar as asociacións e os clubes deportivos e a creación dunha residencia de maiores e centro de día.
A socialista recalcou a necesidade de impulsar as enerxías renovables, pero manifestando a súa oposición a parques eólicos “en zonas que alteren a vida dos veciños” e ao proxecto hidroeléctrico de bombeo no monte da Ruña, que vai “en contra dos intereses dos veciños dos lugares limítrofes”.