O PSdeG presenta aos seus candidatos no Barbanza, “que van facer que esta organización sexa a primeira forza nas municipais”

O PSdeG-PSOE presentou na Casa da Cultura de Boiro as súas candidaturas para as vindeiras eleccións municipais no Barbanza. O acto contou coa presencia do secretario xeral do PSdeG provincial Bernardo Fernández Piñeiro, ademais da dos candidatos e candidatas socialistas ás alcaldías dos Concellos do Barbanza. 

No acto, ademáis do alcalde de Boiro e candidato á reelección, José Ramón Romero, participaron os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE á alcaldía de Lousame, Ana Domínguez; Muros, Caridad González Cerviño; Noia, Francisco Pérez Caamaño; A Pobra, Patricia Lojo Nine; Outes, José Antonio Caamaño Lestón; Porto do Son, Jorge Romero Pérez; Rianxo, Óscar Rial Lago e Ribeira, Francisco Suárez-Puerta. 

Bernardo Fernández Piñeiro presentou na súa intervención “aos candidatos e candidatas do Partido Socialista, que van facer que esta organización sexa a primeira forza política nas vindeiras eleccións municipais”. 

O secretario xeral provincial afirmou que o PSdeG é “unha forza política que é clave no desenvolvemento, na mellora e na modernización” dos Concellos do Barbanza”, e que “alá onde goberna ten referentes do municipalismo que están a deixar a pel polos seus veciños e veciñas”. 

“Estamos convencidos de que imos sacar un gran resultado nas vindeiras eleccións municipais no Barbanza”, sinalou Fernández Piñeiro. 

O socialista recalcou o obxectivo de conquerir “máis alcaldías para ser a mellor garantía de futuro e de progreso para todos os veciños e veciñas desta Bisbarra”. 

Algunhas novas relacionadas