O PSdeG presenta a candidatura de Pilar Pedreira, “o cambio que Oza-Cesuras precisa”

O PSdeG-PSOE de Oza-Cesuras presentou a súa candidatura ás vindeiras eleccións municipais, liderada por Pilar Pedreira. Á candidata socialista á alcaldía estivo acompañada no acto por José Ramón Gómez Besteiro, delegado do Goberno en Galicia, e Mónica Fernández-Aceytuno, número 2 da lista. 

“É para min un honor encabezar a lista que hoxe lles presentamos, formada por persoas que temos o obxectivo común de gañar as eleccións municipais para traballar xuntos polo noso Concello”, comezou a súa intervención Pilar Pedreira. 

A candidata socialista sinalou que o Concello “necesita un cambio de rumbo que pilote un goberno municipal transparente e participativo, un goberno  con un talante diferente”. Un goberno “para todos, para os que nos voten e para os que non nos voten, poñendo sempre ás persoas por diante”, afirmou Pedreira. 

Entre as prioridades dun novo goberno municipal, a socialista destacou “adaptar os Servizos Sociais á demanda da nosa realidade, readecuando e axilizando a atención á veciñanza”. “Estaremos ó lado dos máis débiles, dos vulnerables, potenciando e reforzando con medios económicos e personales os servizos sociais”, engadiu. 

Pedreira sinalou a necesidade de aumentar as axudas ás asociacións no municipio e de potenciar “as actividades lúdicas e culturais, dotando de contido ós centros sociais e veciñais para que sexan centros dinamizadores da vida nas diferentes parroquias”. 

A candidata fixo tamén fincapé en que o goberno saínte das vindeiras eleccións municipais debe ser “transparente” e “participativo, que conte coa xente, con todos, incluso coa oposición cando se trate de tomar decisións de calado”. 

“Faremos un plan de ancheamento de vías municipais”, e “que todas as parroquias de Oza-Cesuras conten con traída de auga”, engadiu tamén a candidata socialista. 

Para lograr estes obxectivos, Pedreira presentou aos membros da súa lista, “un equipo de veciñas e veciños de diferentes parroquias, ilusionados e dispostos a traballar duro para mellorar a vida da xente de Oza-Cesuras”. “Este cambio ímolo facer entre todos, sin medo, coa seguridade de que Oza-Cesuras o necesita”, concluíu. 

Algunhas novas relacionadas