O PSdeG de Ribeira esixe a mellora e o mantemento dos parques infantís da vila

O PSdeG-PSOE de Ribeira denuncia o “mal estado” no que se atopan os parques infantís da localidade. Segundo indica o candidato socialista á alcaldía, Francisco Suárez-Puerta, moitos dos defectos que estes presentan poden supoñer “un perigo para os nenos” que xoguen neles. 

Suárez-Puerta sinala que un dos parques que se atopan en peor estado é o do Centenario, que, a pesar de estar “no centro da vila e ser un dos principais parques de Ribeira, ten un aspecto lamentable”. 

Este parque sofre unha “falta de mantemento constante, e faltan varios parafusos, polo que as estruturas poderían partir en pedazos”, afirma o socialista. 

“O chan está destrozado, está o cemento ao aire”, e “hai un buraco xusto á saída do tobogán, un neno podería partir o nocello aí”, enumera o candidato á alcaldía. “Non sei que pretende o Concello deixando os parques nesta situación”, pregúntase. 

Suárez-Puerta sinala que esta mesma situación “ocorre en moitos máis parques de Ribeira”, onde hai “unha total deixadez cos nenos”. “Isto xa leva moito tempo así, non é cuestión dun par de días”, puntualiza. 

Por estas razóns, dende o PSdeG-PSOE esixen que haxa “un correcto mantemento” dos parques infantís no municipio, e que se reparen as eivas que estes presentan. 

Algunhas novas relacionadas