
O PSOE de Oleiros presenta o seu plan para mellorar a mobilidade no municipio
O PSdeG-PSOE de Oleiros presentou hoxe as principais propostas programáticas en materia de mobilidade coas que concorrerá ás eleccións municipais do 28 de maio.
A candidata á alcaldía, Macu Acuña, acompañada do enxeñeiro de Camiños e candidato socialista en Carral, Pablo Couto, e do ex concelleiro de Urbanismo e Mobilidade da Coruña, Juan Villoslada, participou esta tarde no EF Business School nun acto no que explicou algunhas das propostas concretas do PSOE para o futuro do municipio neste ámbito.
“A mobilidade é un asunto estratéxico para o desenvolvemento socioeconómico de Oleiros e foi destatendido durante todos estes anos polos gobernos de Ángel García Seoane”, afirmou a candidata socialista, que censurou que “o Plan de Mobilidade encargado no seu día polo alcalde cun custe de 60.000 euros permanece esquecido nun caixón, mentres seguimos circulando polas mesmas estradas hoxe, con 37.000 habitantes, que cando Oleiros tiña 10.000 habitantes”.
“Non é normal que os veciños de Lorbé ou Dorneda non podan ir aos cursos de formación en Os Regos por carecer dun bus interno cun horario axeitado, ou que os veciños de Iñás ou San Pedro non teñan transporte para ir ao centro de saúde ou para facer xestións nun concello que ten as oficinas diseminadas por todo o municipio”, afirmou Macu Acuña, que defendeu a necesidade de mellorar a conexión do transporte público entre os núcleos do municipio, así como no transporte metropolitano da Xunta, con máis frecuencias e mellores horarios.
Os socialistas propoñen ademáis “un verdadeiro modelo de mobilidade sostible” con medidas como a creación dun parque de bicicletas público con estacións nos distintos núcleos que permita sacar partido a un dos concellos con máis quilómetros de carril bici da área coruñesa, a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos (prácticamente inexistentes no municipio), a electrificación do parque móbil municipal e a mellora da seguridade peonil na contorna dos centros escolares.
O PSOE de Oleiros destaca tamén a importancia de contar con zonas de estacionamento para residentes en núcleos como Perillo, Santa Cristina, Santa Cruz ou Mera, especialmente na época de verán, así como implementar melloras no sector do taxi.