O PSdeG presenta a candidatura de Eugenio Pazos “para que non queden máis vivendas baleiras en Trazo”

O PSdeG-PSOE de Trazo presentou a súa candidatura ás vindeiras eleccións municipais, liderada por Eugenio Pazos. Xunto ao candidato á alcaldía, interviron no acto o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e o senador Manuel Mirás, ademais da concelleira Beatriz Domínguez e o presidente da agrupación local José Ríos. 

O candidato socialista destacou que en Trazo, “dende os anos 90, que non cambiamos de cor, baixamos de 4.500 habitantes a 3.100”, en referencia aos gobernos do Partido Popular no Concello. “Non hai un interese real polas persoas, mentres que o Partido Socialista si se preocupa polas persoas”, sinalou. 

“Se eu son alcalde, cada día que me entere dunha vivenda que quede baleira en Trazo, eu esa noite non vou durmir tranquilo, porque teño que saber que lle pasou a esas persoas, que necesidades tiñan, e que podo facer para que non queden máis vivendas baleiras, esa é a miña obriga”, concluíu Pazos. 

Pola súa banda, Bernardo Fernández amosouse convencido de que “Eugenio Pazos vai ser o vindeiro alcalde deste Concello”, xa que Trazo “merece un goberno democrático, que pense nos cidadáns e que os teña como única prioridade”. 

“Fronte a aqueles que entenden a política como un instrumento para servirse e que cambian de sigla como quen cambia de chaqueta, aquí está o Partido Socialista para garantir o mellor futuro para Trazo”, afirmou o secretario xeral provincial. 

Algunhas novas relacionadas