
Bernardo Fernández apoia a candidatura de Walter Pardo: “non houbo alcalde que fixese tanto por Malpica en tan pouco tempo”
O PSdeG-PSOE de Malpica presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais, liderada por Walter Pardo Añón, alcalde do municipio entre 2019 e 2021.
O candidato socialista á alcaldía estivo acompañado polo secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro, a vicevoceira parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo e a secretaria de pesca do PSdeG Patricia Otero Rodríguez. Interviron por vídeo o secretario xeral Valentín González Formoso e o ministro de Pesca do Goberno estatal Luis Planas
Fernández Piñeiro sinalou que o acto era o comezo da “conta atrás para recuperar unha alcaldía que nos foi arrebatada por aqueles que entenden a política como un instrumento para servirse, non para traballar para a veciñanza”, en referencia a moción de censura que levou ao PP á alcaldía.
O secretario xeral provincial pronosticou que Pardo volverá á alcaldía “todavía con máis forzas, con máis ganas”, xa que “non houbo alcalde nas últimas lexislaturas que fixera tanto por Malpica, en tan pouco tempo e nunhas circunstancias tan difíciles como foron as da pandemia”.
Walter Pardo “iniciou unha senda de mellora e modernización que non se pode paralizar de novo, como ocorreu ao longo destes dous anos dende que se produciu aquela inxusta moción de censura”, afirmou Fernández Piñeiro.
Pola súa banda, o propio Pardo Añón sinalou: “quitáronme do medio coa moción da vergoña, pero nunca me arrebatarán a ilusión de volver á alcaldía do que máis quero: Malpica”.
“Estou aquí porque teño unha conta pendente con Malpica, e vimos continuar o que comezamos hai catro anos”, afirmou, para poñer fin ao “estado de deixadez institucional” que vive o municipio.
“Somos os mesmos que hai catro anos, pero coa experiencia da lexislatura mais complexa en 50 anos”, continuou o candidato. “Merecedes outra Malpica, a que construiremos entre todas e todos, e a túa valentía será o noso impulso”, concluíu.
Na súa intervención en vídeo, o ministro de Pesca do Goberno de España, Luis Planas, amosou o apoio á candidatura “nesta localidade que tanta raíz e tradición pesqueira ten”. “Quero expresar o meu persoal apoio á candidatura, sobre todo sabendo o que poden facer polo futuro de Malpica, do emprego, da actividade económica e particularmente da pesca”, engadiu.
Tamén interveu en vídeo o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, que se amosou convencido de que Malpica vai ter con Pardo “un alcalde con carácter, solvente, con compromiso coa forma de vida de Malpica porque procede dela, e co futuro dos rapaces e rapazas da localidade”.