Bernardo Fernández presenta a súa candidatura ás eleccións municipais baixo a premisa “o mellor para Pontedeume”

Bernardo Fernández presentou hoxe a súa candidatura para revalidar á alcaldía de Pontedeume, baixo a premisa de que o equipo socialista é “o mellor para Pontedeume”. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén estivo presente no acto.

O candidato socialista repasou os 8 anos de Goberno socialista, “que comezaron en 2015 cun proxecto para atender as urxencias logo dun Goberno do Partido Popular que en dous mandatos paralizou Pontedeume e non atendeu á súa cidadanía”.

Fernández Piñeiro repasou tamén o mandato que agora remata, “no que seguimos mellorando Pontedeume, a pesares das consecuencias derivadas dunha pandemia que paralizou o noso país”. No marco da crise do COVID-19, o socialista destacou “a capacidade de xestión do Goberno local, no que se primou atender ao máis importante: ás persoas”.

“Tivemos que postergar proxectos para dedicar eses recursos a protexer e axudar á veciñanza, proxectos que recuperaremos na vindeira lexislatura para facelos realidade”.

“Presentámonos baixo a premisa de que somos o mellor para Pontedeume. Porque queremos á nosa vila e a xestionamos con sensibilidade e visión de futuro. E tamén porque temos o mellor proxecto para Pontedeume”, recalcou o socialista, quen tamén insistiu “no que cambiou a vila nestes anos de Goberno socialista, un impulso que non podemos parar, posto que aínda queda traballo por facer”.

Algunhas novas relacionadas