Bernardo Fernández apoia a candidatura de Sergio Platas, que “vai seguir marcando o futuro de Paderne”

O PSdeG-PSOE de Paderne presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais, liderada por Sergio Platas. O candidato socialista estivo acompañado no acto pola vicevoceira parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo e polo secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro. 

Fernandez Piñeiro destacou que o PSdeG é “o partido que marcou o pasado, o presente, e que vai seguir marcando o futuro de Paderne”, xa que “modernizou este Concello ao longo de moitos anos de gobernos socialistas dos que moitos membros desta candidatura formaron parte”. 

En referencia aos edís que fixeron parte dos gobernos do alcalde socialista César Longo, que gobernou durante 24 anos, Fernández Piñeiro sinalou que estes “aportaron a ese proxecto, e non teño ningunha dúbida de que o van seguir facendo a partir do vindeiro 28 de maio” da man de Sergio Platas. 

“Paderne é un transatlántico que tiña un patrón e que agora vai ter outro patrón, pero o seu rumbo vai ser o mesmo”, continuou o secretario xeral provincial, xa que “as cartas de navegación que o guían levan feitas máis de 140 anos, son as da ideoloxía que representa o Partido Socialista”. 

O secretario xeral provincial salientou que Sergio Platas é un candidato “capaz, con moitas ganas, representante desa xuventude comprometida que decide abandonar a comodidade e dar un paso á fronte”. 

Algunhas novas relacionadas