Os socialistas presentan a súa candidatura en Ordes “para cambiar o futuro da xente deste Concello”

O PSdeG-PSOE de Ordes presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do día 28 de maio. No acto interviron, ademais da candidata socialista Concepción Berdomás, o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e a vicevoceira parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo. 

Berdomás destacou que a lista que lidera está conformada tanto por xente “xa con experiencia municipal exercendo a labor de oposición” como por novas incorporacións que se unen á candidatura, “como di o noso lema, para defender o que pensan”. 

A candidata afeou ao actual goberno local do PP que “defende que haxa cidadáns de segunda e de terceira” cando “o alcalde di que non vai levar o alcantarillado ou a auga a certas aldeas porque non é rentable”. 

A socialista tamén criticou que o goberno local “non está a atender” aos problemas reais de Ordes, como son a “falta de emprego local”, a “falta de asistencia sanitaria”, a “escaseza de opcións formativas” ou a falta de “política social”. 

“Cando vaiades para casa reflexionade sobre como lle vai a concellos como Oroso, que medran tanto no social como no industrial, e como está Ordes, estancado e deteriorado”, engadiu Berdomás. 

“O que ofrecemos é ganas de traballar e de cambiar o futuro da xente deste Concello, ilusión, ganas de cambio e moitas ideas”, concluíu. 

Pola súa parte, Bernardo Fernández Piñeiro recalcou que “a única opción política que garante o progreso, o futuro e a ilusión en Ordes é a do Partido Socialista”. 

“Só hai unha alternativa ao Partido Popular en Ordes, e que se chama Partido Socialista, e quen o pilota, que é Chita”, dixo o secretario xeral provincial en referencia á candidata á alcaldía. 

Fernández Piñeiro destacou tamén que “este partido nunca vai deixar de loitar contra a desigualdade, porque está na nosa xenética e sabemos o que é dar a vida por esta causa, outros non o saben”. 

“Ao outro lado que temos? A aqueles que din que son os máis de esquerdas, que se apropian dos símbolos” pero que “lle deron á alcaldía ao Partido Popular”, dixo en referencia ao BNG no Concello. “Polo tanto, non son tan de esquerdas nin queren tanto a ordes”, sentenciou. 

Algunhas novas relacionadas