Os socialistas denuncian que a Xunta recadou 1,8 millóns co canon da auga en Melide e apenas destinou un terzo a mellorar as infraestruturas hidráulicas do municipio

O PSdeG-PSOE denunciou hoxe en Melide en rolda de prensa “o desleixo do goberno da Xunta do PP con esta vila” no relativo a “infraestruturas hidráulicas e no ámbito educativo, de competencia autonómica”.

O secretario xeral do PSdeG provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, reclamou á Xunta que “como mínimo invista o que recada”, xa que, a través do canon da auga, “a Xunta recadou dende o 2012 en Melide 1.800.00€ e non se investiu nin sequera un terzo desa cantidade no municipio”.

“Escúdanse en que é unha competencia municipal, pero o que é competencia municipal é a prestación do servizo, a dotación desas infraestruturas é unha competencia autonómica”, puntualizou Fernández Piñeiro.

Por outra banda, o secretario xeral provincial tamén sinalou a responsabilidade da Xunta cos centros educativos de Melide, esixindo que esta “cumpra coa súa obriga” e financie “as infraestruturas que xa chegaron ao fin da súa vida útil e que requiren un investimento directo da consellería”.

“Que intermediación coa Xunta fixo o candidato do Partido Popular para poder lograr estes investimentos?”, rematou preguntándose Fernández Piñeiro.

Pola súa banda, o candidato socialista á alcaldía de Melide, Jose Prado, afondou nesa “dobre cara do PP de Melide”, que “di que pelexa polos intereses desta vila pero que á hora da verdade nin aporta nin colabora co goberno municipal”.

“Non poden encher a boca con que con só 150.000€ que van invertir no saneamento de Santa María teñen cumprido con Melide”, sinala o candidato. “Os cartos que pagamos os melidenses, onde se están invertindo? En Melide, non”, engade.

No referente áos colexios da vila, Prado sinalou que o PP “non pode presumir de invertir case un millón de euros no Colexio Número 1 porque estaba caendo a pedazos”. Mentres tanto, “no Colexio Número 3 teñen problemas nos tellados dende hai anos, no Número 1 todo o entorno da área deportiva está nun pésimo estado”, enumera o candidato.

“No número 2, que é o que máis dificiencias ten, levamos moitos anos pedindo un patio cuberto, unha pista polideportiva cuberta”, engade Jose Prado. “Sei do que falo porque eu formei parte da ANPA e as miñas fillas estudaron alí”, recalca.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Begoña Rodríguez Rumbo, refrendou o sinalado polos seus compañeiros, e engadiu que “o PP votou en contra de todas as iniciativas para solucionar as carencias de Melide” na cámara.

Rodríguez Rumbo sinalou ademais que esta situación ten “o agravante de que unha das responsables do goberno foi alcaldesa, e durante estes anos nada ten feito para dar resposta ás necesidades deste Concello”.

No relativo á recadación do canon da auga en Melide, a vicevoceira socialista indicou que este diñeiro “pasa a un fondo común do que, de cada 10 euros, 8 van para Concellos gobernados polo Partido Popular”.

A parlamentaria quixo reafirmar o compromiso do PSdeG coa vila asegurando que dende o seu grupo parlamentario “voltaremos presentar as iniciativas”.

Algunhas novas relacionadas