
Os socialistas aspiran a recuperar a alcaldía de Laxe coa candidatura liderada por Paco Vidal
O PSdeG-PSOE de Laxe deu a coñecer o programa e as persoas que forman parte da súa candidatura ás vindeiras eleccións municipais. Esta estará encabezada por Paco Vidal como candidato á alcaldía.
Os socialistas agardan así recuperar a alcaldía de Laxe, tras “catro anos de parálise” co Goberno local do PP.
Vidal, capitán da Marina Mercante, lidera unha lista renovada na que tamén está presente Fabián Romar, anterior portavoz socialista na corporación municipal. Tamén fan parte da lista Adriana Pose, Marta Caamaño, Daniel Soneira, Isabel Río, Óscar Cuevas, Déborah Rama, Borja Martínez, Consuelo Lemus e Miguel Carracedo.
Entre os puntos do programa dos socialistas de Laxe destaca “a modernización dos servizos municipais, por exemplo, introducindo plans de mantemento de camiños, rúas e ríos”, explica Vidal.
O PSdeG de Laxe tamén fai fincapé no seu programa nunha nova xestión de residuos e no saneamento nos núcleos urbanos.
O tráfico rodado ocupa tamén unha parte importante do programa, que inclúe a “regulación eficaz do tráfico e o aparcamento, a construción da circunvalación do núcleo urbano de laxe, e ampliar as estradas locais”, engade o candidato socialista.
Outras propostas inclúen a revisión dos servizos sociais, o fomento do turismo de calidade, a reactivación das asociacións culturais e deportivas, a remodelación do porto, o aumento do equipo humano do Concello ou a eliminación das dunas na parte urbana da praia de Laxe.