Bernardo Fernández acompaña a José Miguel Alonso Pumar na presentación da súa candidatura, “a única que garante o futuro de Cariño”

O PSdeG-PSOE presentou no auditorio municipal de Cariño a súa candidatura para as eleccións municipais no Concello, liderada polo seu alcalde José Miguel Alonso Pumar. O rexedor socialista estivo acompañado por Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial, e Montse García Chavarría, deputada no Congreso.

Fernández Piñeiro quixo destacar a “capacidade de traballo envidiable” do candidato á reelección, “que vai deixar a pel como xa fixo ao longo destes anos” como alcalde de Cariño, cargo que ostenta dende 2015.

O secretario xeral do PSdeG provincial tamén dixo do seu compañeiro que “defende sempre os intereses dos seus veciños e veciñas por enriba de calquera outro interese”, representando o seu partido “a unica opción política que garante o futuro e o progreso de Cariño”.

O tamén alcalde de Pontedeume sinalou que as múltiples melloras que desfrutou Cariño na lexislatura producíronse a pesar de ser esta “a máis difícil da historia da democracia”, particularmente para os concellos, ao ser a local “a administración que está máis preto do cidadán, á primeira porta á que chamar”.

“Se a fronte dun concello non hai alguén con esta capacidade de xestión, ía ser moi dificil saír desta situación como fixestes en Cariño”, concluíu o secretario xeral provincial.

Pola súa banda, Alonso Pumar destacou as dificultades vividas na anterior lexislatura, na que “os Concellos tivemos que asumir competencias en sanidade e educación porque non o fixo a Comunidade Autónoma”.

“E cando pensabamos que remataba esta crise, veu a crise da enerxía e das materias primas”, engadiu o rexedor. Porén, “a nós colleunos con parte do traballo feito, pois tiñamos a economía do Concello saneada e xa nos movéramos en Europa para conseguir fondos do IDAE”.

O alcalde socialista fixo fincapé tamén nas “ganas e a ilusión” que unen aos membros da súa candidatura, que conta con “perfís moi diferentes” e cunha particular énfase en “garantir o relevo” coa entrada de xente nova na corporación.

Algunhas novas relacionadas