Bernardo Fernández destaca a “responsabilidade e o traballo” do goberno de Juan Rodríguez en Cerceda, “un referente para as alcaldías socialistas”

O PSdeG presentou no auditorio de Cerceda a súa candidatura ás vindeiras eleccións municipais no Concello, encabezada polo seu alcalde, Juan Manuel Rodríguez García.

O acto contou coa presenza do líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso; do secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro, e da vicevoceira parlamentar, Begoña Rodríguez Rumbo.

Fernández Piñeiro destacou que en Cerceda “a impronta do partido socialista está en cada pedra, en cada infraestrutura, en cada servizo que se presta”, logo de case catro décadas de gobernos socialistas e do traballo realizado por José García Liñares.

O secretario xeral provincial amosouse convencido de que Rodríguez gobernará “cunha maioría moito máis ampla que a que ten na actualidade”, ao ser “unha persoa responsable que por enriba de calquera outro interes traballa polos intereses dos seus veciños e veciñas”.

Fernández Piñeiro sinalou tamén que “hai moito que aprender do Concello de Cerceda”, un Concello “no que moitos e moitas alcaldesas da provincia nos miramos e intentamos reflectirnos”.

Pola súa banda Valentín Gonzalez Formoso destacou “a capacidade de traballo, de xestión e o seu compromiso con Cerceda” de Juan Rodríguez, incidindo en que é “un referente do que nos sentimos orgullosos”.

Algunhas novas relacionadas