O PSdeG de Santiso propón a construción dun polígono industrial no Concello para impulsar a economía local

O PSdeG-PSOE de Santiso reunirase co SEPE e con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para trasladarlles a súa proposta dun polígono industrial no municipio.  

Así o anunciaron a candidata socialista á alcaldía do Concello, María Pilar Sesto, e o secretario xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, que amosou o seu apoio á proposta.  

Sesto e Fernández Piñeiro trasladáronse aos terreos propostos para a construción do polígono, ubicados xunto á conexión coa autovía de Lugo que se está a construír no lugar.  

O secretario xeral do PSdeG provincial destacou que esta proposta realízase “ante a falta de interese por parte da Xunta de Galicia para desenvolver solo industrial” e “o desleixo do actual Goberno local, que non fixo ningunha xestión a este respecto”.  

Por esta razón, “os compañeiros de Santiso dan un paso á fronte” cunha proposta de construción “nunhas 24 hectáreas que están reservadas para esta clasificación” polo PXOM, apuntou o socialista.  

“Imos facer o posible dende o Partido Socialista para respaldar esta proposta”, sinalou Fernández Piñeiro, perante as reunións xa concertadas que os socialistas de Santiso terán co SEPE e coa responsable da SEA en Galicia, Beatriz Sestayo.  

“Non hai mellor forma de loitar contra o despoboamento no rural que xerar emprego, e, polo tanto, xerar oportunidades para que calquera rapaz ou rapaza poida desenvolver o proxecto vital que desexe no seu Concello”, concluíu.  

Pola súa banda, María Pilar Sesto destacou a necesidade desta proposta nun Concello “onde nos fai tanta falta xerar emprego”. A socialista lamentou que, pola contra, o Goberno local estea “pasando olimpicamente de todo”. 

Algunhas novas relacionadas