O Grupo Socialista proporá na Deputación da Coruña a ampliación da estrada DP-0513, que une A Laracha e Caión

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña proporá na Deputación a ampliación da estrada DP-0513, que une A Laracha e Caión. Os socialistas trasladarán a proposta ao departamento de Vías e Obras da institución para que realice un estudo da vía de cara á súa mellora.

O portavoz do Grupo Provincial Socialista na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, trasladouse persoalmente a comprobar o estado actual da estrada xunto á candidata socialista á alcaldía da Laracha, Palomi Rodríguez, e outros membros do PSdeG local.

Fernández Piñeiro sinalou que o obxectivo desta proposta de ampliación é “garantir a seguridade de todos os vehículos” e “facer que esta comunicación” entre a vila da Laracha e a parroquia de Caión “sexa máis utilizada”, ao acortar tanto o tempo como a lonxitude dos desprazamentos.

Palomi Rodríguez, candidata socialista á alcaldía da Laracha, sinalou pola súa banda que a proposta xorde da “demanda dos veciños e veciñas para trasladarse” entre estes dous núcleos de poboación do Concello.

Os socialistas da Laracha levan “demandando dende hai moito tempo” esta ampliación, indica a candidata.

“Agradecemos a visita aquí de Bernardo para que traslade esta proposta”, expresou Rodríguez. Tamén agradeceu “que se teña en consideración que esta é unha vía moi transitada, sobre todo cando é a Romería dos Milagros de Caión, festa de interese aquí na Laracha”.

Algunhas novas relacionadas