
O PSdeG de Cabanas integra a AEC nas súas listas e aspira a revalidar a alcaldía “cun proxecto reforzado para que o concello siga avanzando”
O PSdeG-PSOE de Cabanas incorpora nas súas listas electorais para as eleccións municipais do 28 de maio aos integrantes da Agrupación de Electores de Cabanas (AEC), partido independente que conta actualmente cunha concelleira na corporación municipal.
A candidatura socialista estará encabezada polo actual alcalde, Carlos Ladra Brage, que pretende revalidar a alcaldía “cun proxecto reforzado, no que as principais forzas progresistas sumemos co obxectivo de que Cabanas siga avanzando”.
Como número dous da lista figura Eva García Amor, ata agora concelleira do grupo independente e membro do goberno municipal liderado por Ladra, que pasa a integrarse como independente baixo as siglas do PSdeG-PSOE.
Carlos Ladra destacou que esta alianza é froito da “boa sintonía no traballo conxunto dos últimos anos e da coincidencia no programa e nun proxecto de futuro común para Cabanas”, e considerou que a integración de AEC “reforza o proxecto político do Partido Socialista no noso municipio”.
“Aspiramos a seguir traballando desde o goberno municipal por un futuro mellor para o noso municipio”, afirmou Ladra, que destacou entre os obxectivos dos socialistas para o vindeiro mandato figuran “seguir ampliando e mellorando os servizos públicos do municipio, facendo un municipio máis accesible con infraestruturas que melloren a conectividade entre a veciñanza, apostar pola creación de emprego aa dinamización do rural”.
Pola súa parte, Eva García Amor sostén que “as dúas forzas temos un proxecto de concello similar; quero agradecer a confianza e a posta en valor da agrupación que amosou o alcalde e o Partido Socialista, o importante que seguiremos como ata agora ao servizo da veciñanza”.
A número tres da candidatura será Concepción Rodríguez Ferreiro, actual concelleira; Delfín Feal Pereira o número catro; a cinco, Ana del Río Correa; a seis, Beatriz Carbón Ardao, e o sete, Alberto Pena Díaz.