Bernardo Fernández destaca “a capacidade de xestión de Margot Lamela, Cee non pode abandonar esta senda de mellora para apostar por un experimento do señor Rueda”

Os socialistas de Cee presentaron esta tarde a súa candidatura, liderada pola alcaldesa Margot Lamela, nun acto que contou coa presenza de Bernardo Fernández, secretario xeral provincial, e Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG.

“Margot é unhas das alcaldesas con maior capacidade de xestión do mapa municipal galego”, destacou Fernández na súa intervención.

“Conseguiu que o seu concello avance, gobernando en minoría e loitando contra aqueles que utilizan as institucións para servirse, como o PP”, engadiu o secretario xeral provincial, que considera que “Cee non pode permitirse abandonar a senda de mellora e modernización posta en marcha por Margot para apostar por un experimento do señor Rueda”.

Pola súa parte, Formoso presentou a Margot Lamela como unha alcaldesa “moi preparada e comprometida coa súa vila”, que está “empeñada en devolverlle a Cee a estabilidade política que precisa” para exercer con todo o seu potencial como o principal polo económico e industrial da Costa da Morte.

Augurou que a aspirante socialista á reelección “vai ter a confianza maioritaria” da súa veciñanza, porque demostrou que sabe gobernar para todos e sen estridencias, “deixando a un lado as cores políticas” cando se trata de defender os intereses xerais do seu concello, como fai cando pelexa por reclamar a finalización da autovía ou para evitar o desmantelamento do hospital Virxe da Xunqueira.

“Margot fai política útil, pensando na xente, e por iso vai ter unha nova oportunidade para acabar coa inestabilidade política neste concello e darlle a Cee o papel protagonista que lle corresponde”, concluíu Formoso.

“Preséntome hoxe aquí con humildade, coa tranquilidade de traballar sen parar nin un só segundo, ao servizo do meu pobo, sentindo e querendo a todas as súas parroquias, Cee, Brens, Pereiriña, Ameixenda, Toba e Lires”, apuntou pola súa parte Margot Lamela.

“Encabezo unha candidatura cun gran equipo, coa firme convicción de que non hai nada máis gratificante que entregalo todo ao servizo do noso pobo. Unha candidatura formada por mulleres e homes que se presentan sen presións e sen deber favores. Un equipo preparado para continuar traballando pola senda do bo camiño”, rematou a alcaldesa e candidata socialista á reelección.

Algunhas novas relacionadas