
Os socialistas presentan no interior coruñés “aos únicos candidatos e candidatas que son garantía dun futuro para o rural”
Frades foi o lugar escollido polos socialistas para presentar aos candidatos e candidatas ás alcaldías dos concellos do interior coruñés. O secretario xeral do PSdeG Provincial, Bernardo Fernández, e o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, acompañaron aos candidatos de Arzúa, Begoña Balado; Sandra Sánchez (Boimorto), Enrique Astray (Frades); José Antonio Prado (Melide); Mariano Iglesias (Mesía); María Pilar Sesto (Santiso); Luis Lisardo Santos (Sobrado), e Miguel Ángel Buján (Toques).
Bernardo Fernández lembrou que o próximo 28 de maio os veciños e veciñas do interior coruñés teñen que elixir “entre dúas formas de entender a política e de gobernar, con sensibilidade ou sen ela”.
“O Partido Socialista é a única garantía de futuro e de modernización para o rural dá provincia, para sacar adiante a estes concellos que levan anos abandoados pola Xunta de Galicia, que é a administración que ten as competencias directas sobre o rural”, lembrou.
Sen embargo, é a Deputación provincial quen financia “case o 80% das obras” que se levan a cabo nestes concellos do interior coruñés. “Aínda que algún alcaldes do PP, os poucos que quedan, empéñense en ocultar que eses fondos veñen dun goberno provincial presidido polo PSdeG”, engadiu Fernández.
O líder provincial dos socialistas puxo en valor a nivel humano de tódolos candidatos e o seu compromiso coa veciñanza: “Asegúrovos que estes alcaldes e candidatos vanse deixar por vós e van esixir o que vos corresponde. Iso o vexo tódolos días na Deputación. Veñen alcaldes socialistas a demandar e moitas veces a esixir máis recursos para os seus concellos. Iso non o veredes cos alcaldes do Partido Popular coa Xunta”.
Bernardo Fernández afirmou tamén que en momentos de crise como a que recentemente pasou España, nótase a diferencia dun partido e doutro, lembrando a forma de actuar do PP durante a crise do 2008. “Todo o contrario do que fixo o PSOE de Pedro Sánchez durante a recente crise provocada pola COVID e polo conflicto de Ucraína”, rematou.