O Grupo Provincial Socialista proporá na Deputación da Coruña a mellora da estrada DP-1105

O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE na Deputación da Coruña proporá ao departamento de Vías e Obras que se realice un estudo de mellora da estrada provincial DP-1105, que une Boiro, Lousame e Noia. 

 O portavoz do Grupo Socialista Provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, puido constatar de primeira man as deficiencias desta estrada, á que se desprazou xunto a José Ramón Romero García, alcalde de Boiro, Fran Pérez, candidato á alcaldía de Noia, e Ana Domínguez, candidata á alcaldía de Lousame. 

 En palabras de Fernández Piñeiro, “puidemos comprobar que a estrada precisa dunha serie de melloras” no referente á “seguridade viaria e o trazado”. O socialista apuntou concretamente á necesidade dunha “mellora na sinalización para aqueles días de néboa, que adoitan ser abundantes”, e a existencia de “puntos conflitivos e perigosos tanto para vehículos como viandantes”. 

 Para solucionar estas problemáticas, Fernández Piñeiro sinalou a necesidade da “reducción que se poida facer dalgunhas das curvas” e da creación de “sendas onde fose preciso”. 

 Por todo isto, conclúe o socialista, “o Grupo Provincial Socialista adquire o compromiso de facer esta proposta de estudo ao departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña”. 

Algunhas novas relacionadas