Os socialistas de Laxe denuncian o “perigo para o tráfico rodado” que supón a colocación dos postes de tendido eléctrico en Boaño

O PSdeG-PSOE de Laxe denuncia que a recente colocación de postes de tendido eléctrico nunha pista do lugar de Boaño “supón un perigo para o tráfico rodado”, ao ter sido os postes “chantados” entre a cuneta e a pista en vez de na parte exterior da cuneta. 

Francisco José Vidal Castro, candidato socialista á alcaldía do municipio, sinala que a disposición dos postes “impide tamén a correcta limpeza mecánica da cuneta, que, como é obvio, se ve interrumpida cada poucos metros”. 

Os socialistas sinalan ás “presas polas vindeiras eleccións municipais” como as responsables desta situación, “que fan que se cometan torpezas e erros un tras outro”. “Queremos sinalar o afán construtivo que de súpeto lle deu ao Concello de Laxe, pensamos que coa única intención de recuperar votos que saben que perderon pola súa deficiente xestión”, ironizan. 

Ademais de todo isto, Vidal Castro afirma que “os postes aparentan ser de segunda mano, ignoramos de onde os sacaron e o estado no que se atopan”. Tamén pregunta ao Concello polo “criterio que se seguiu para esta instalación, o por que se fixo nesa zona e non noutra quizais máis necesaria”. 

O candidato socialista critica que “se dilapiden recursos e se fagan obras inútiles” sen “criterio nin asistencia técnica”, xa que ditas obras “serán moi custosas se se quixeran corrixir no futuro”.  

“Simplemente observando cómo están situados os postes próximos, ou en cualquera outro lugar, pode un darse de conta do erro que supón este disparate”, afonda o socialista. 

Vidal Castro estará á fronte dunha renovada candidatura socialista nas vindeiras eleccións municipais do día 28 de maio, coa que pretende recuperar para o PSdeG-PSOE a alcaldía de Laxe logo dunha lexislatura na que esta estivo en mans do Partido Popular. 

Algunhas novas relacionadas