Eloy José Iglesias López será o candidato socialista á alcaldía de Vedra

Eloy José Iglesias López será o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Vedra nas eleccións municipais do vindeiro día 28 de maio. O socialista anunciou a súa candidatura arroupado polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro. 

Despois de 12 anos de goberno do Partido Popular en Vedra, Iglesias López liderará unha candidatura renovada que busca recuperar o Goberno municipal para os socialistas.  

O candidato destaca as diferencias entre a etapa na que o PSdeG estivo ao fronte do Concello e o actual goberno: “No ano 2010 executamos 5 millóns do orzamento municipal, mentres que agora o PP executa 3 millóns e medio, cando xa deberían ser 7, 8 ou 10”. 

O desenvolvemento dun polígono industrial para o municipio é un dos puntos prioritarios do programa que Iglesias López levará ás eleccións. “Levamos 12 anos de goberno do PP e o polígono aínda non está desenvolvido, polo que as compañías fortes que estaban interesadas remataron por marchar á competencia”, indica en relación a un expediente inicial realizado durante a etapa socialista no Goberno municipal que nunca chegou prosperar baixo a batuta dos populares. 

Isto é, en palabras do candidato socialista, só a punta do iceberg da xestión do actual alcalde. “O saneamento é un desastre”, e “temos a sangría de que non hai unha parroquia cunha pista ben arranxada, polo que o Concello terá que endebedarse para poñelas en condicións”, enumera Eloy José Iglesias López. 

Algunhas novas relacionadas