Pablo Couto, candidato socialista á alcaldía de Carral: “Temos un plan para Carral, sen tutelas externas”

Pablo Couto será o candidato socialista á alcaldía de Carral nas eleccións municipais do 28 de maio, xunto a “un equipo capaz para impulsar Carral”. A súa candidatura foi presentada por Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, e polo secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández. 

O PSOE fai “unha aposta de impulso en Carral” recuperando a Pablo Couto como candidato, “un enxeñeiro de prestixio, procedente da política de base, implicado durante anos no asociacionismo coa AX Mil e Pico e na organización das ANPA”. Couto foi tamén tenente de alcalde a cargo das inversións en infraestruturas na etapa de goberno de coalición entre 2019 e febreiro de 2022, etapa na que acadou “importantes inversión e axudas”, sinalan os socialistas. 

En palabras de Valentín González Formoso, “o respaldo a Pablo polo traballo realizado é total, e sabemos que é quen de liderar o crecemento que Carral precisa. Representa a xestión eficiente que gaña proxectos”.  

Pablo dá un paso á fronte para ser candidato e liderar un equipo “solvente” concitado nun plan de actuacións inmediatas e inversións. “Precisamos que Carral mellore e o máis indicado é Pablo”, asegura pola súa parte Bernardo Fernández, secretario xeral provincial. 

Pablo Couto quere “asegurar que se gañen actuacións e inversións para Carral e aumentar os recursos dispoñibles para mellorar a vida da veciñanza”. Considera que Carral “debe aproveitar os fondos de Transición Xusta e non perder unha soa oportunidade máis”. “Temos un plan para Carral, pensado en Carral sen tutelas externas, para que Carral avance”, remata o candidato socialista. 

Algunhas novas relacionadas