Fran Pérez, candidato socialista á alcaldía de Noia: “Temos un plan para esta vila, non podemos andar á improvisación como o Goberno actual”

O PSdeG-PSOE presentou ante un ateigado Coliseo Noela ao seu candidato para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, Fran Pérez. O coñecido empresario noiés estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, BernardoFernández. Tamén asistiron ao evento Valetín González Formoso, secretario xeral do PSdeG; Inés Rey, alcaldesa da Coruña, e Blas García, alcalde de Ames.

Fran Pérez, que lidera a candidatura socialista, fixo fincapé na inacción do alcalde e do Goberno local para impulsar proxectos na vila. “En Noia levamos 8 anos escoitando a mesma mentira: Non se pode limpar a ría de Noia, non se pode solucionar o saneamento, non se pode aprobar o PXOM, non se pode abrir o museo do Mar…”, sinalou o candidato á alcaldía.

Fronte á falta de vontade política do alcalde actual, o socialista sinalou algunhas das súas propostas para o municipio. “Temos deseñado un plan para esta vila, non podemos andar á improvisación como o Goberno actual”, insistiu mentres recordaba proxectos como a ampliación do chan industrial, a aposta polo turismo e unha mellor xestión económica municipal.

“Construiremos un centro de día para as persoas maiores, entre outras medidas para esta franxa de idade; dotaremos de instalacións deportivas á vila, crearemos unha rede de museos e esixiremos á Xunta un centro de saúde á altura das necesidades de Noia”, enumerou o socialista entre os seus proxectos.

Pola súa banda, Fernández Piñeiro afirmou que Fran Pérez está exercendo de facto “xa non só como candidato, senón como alcalde desta vila, defendendo os intereses dos veciños e veciñas de Noia por enriba de calquera outro interés”.

Como exemplo disto, o secretario xeral do PsdeG coruñés citou a defensa “das mariscadoras e mariscadores da Ría de Noia nas súas reivindicacións fronte ao proxecto da mina de San Fins”. Tamén a reclamación de mellora de infraestruturas tanto dependentes da Xunta de Galicia como da Deputación da Coruña, ou a reclamación de axudas para distintos sectores, entre elas “unha ambulancia para a Cruz Roxa, que foi trasladada á Deputación provincial hai unhas semanas”.

Fernández Piñeiro considera que o anterior supón “a mellor garantía de futuro e de mellora de Noia”, amosándose convencido de que a candidatura de Fran Pérez é “o cambio que Noia precisa” e que este chegará “sen ningunha dúbida e co apoio maioritario de todos os veciños e veciñas”.

Algunhas novas relacionadas