Jairo Bello Vidal será o candidato socialista en Abegondo, “cun proxecto novo e moita ilusión para construír o Abegondo do futuro”

Jairo Bello Vidal será o candidato socialista á alcaldía de Abegondo nas eleccións municipais do 28 de maio, ao fronte “dun proxecto novo para construír o Abegondo do futuro”.

O PSOE fai desta forma unha aposta de futuro en Abegondo presentando a Bello Vidal como candidato. É autónomo e durante 18 años foi técnico deportivo municipal.

Dá un paso á fronte para ser candidato porque cre que Abegondo “estase estancando e necesita un novo impulso que o coloque no lugar que merece”.

“Apostamos forte en Abegondo, cunha candidatura preparada para impulsar o cambio no municipio”, asegura pola súa parte Bernardo Fernández, secretario xeral provincial.

Jairo Bello presentará un equipo renovado formado por xente nova e preparada, “que dan tamén un paso para participar en política guiados pola ilusión e as ganas de construír o Abegondo do futuro”, sostén.

O candidato socialista aposta “pola transparencia, pola proximidade e pola xestión responsable dos recursos”. Considera que Abegondo “está estancado” e non se resigna a continuar perdendo poboación. “Temos unha situación estratéxica privilexiada e temos que aproveitar as nosas oportunidades se queremos ter futuro”, afirma.

“Igual que eu, moitas persoas tivemos que saír a formarnos fóra, pero temos dereito a poder desenvolvernos profesionalmente no noso municipio e para iso temos que crear oportunidades”, engade.

En palabras de Bello, “temos que facer de Abegondo un lugar atractivo para a captación de empresas, só así deixaremos de perder poboación; temos que facer unha política de captación e retención de talento e iso faise traballando para facer de Abegondo un lugar óptimo para investir”.

“Abegondo necesita mirar ao futuro con ilusión. Gústanos o noso municipio e queremos que sexa un bo lugar para vivir e para atraer poboación. Para iso temos que saír do estancamento e darlle vida ao municipio apostando porque sexa un municipio con servizos públicos de calidade, que coide dos nosos maiores e que aposte polos mozos para que non teñan que marcharse”, remata Jairo Bello.

 

Algunhas novas relacionadas