Os socialistas da Laracha reclaman no Parlamento Galego un servizo de farmacia de Primaria no municipio

Os socialistas da Laracha levaron ao Parlamento galego a súa reclamación dun servizo de farmacia de Atención Primaria ligado ao seu centro médico, xa que a súa ausencia “obriga ás e aos pacientes a desprazarse aos concellos máis próximos cando necesitan deste servicio de forma presencial”. Esta pregunta será debatida na Comisión de Sanidade da Cámara.

Para a candidata socialista á alcaldía do municipio, Palomi Rodríguez, a ausencia do servizo enmárcase na tendencia xeral de “perda de capacidade asistencial de calidade pola saturación de profesionais, a ausencia de coberturas ante baixas e vacacións do persoal e a ausencia de coordinación e dotación de materiais axeitados” dado que “aquí non vale a desculpa de que non hai farmacéuticos, os hai sen problema”.

Ademais, destaca que “o labor dos profesionais de farmacia é moi importante nos centros de saúde “con respecto á función de control de medicamentos e visado de receitas en pacientes polimedicados, con multipatoloxías e sobre todo no paciente fráxil”.

Ao non dispoñer de ningún profesional que controle contraindicacións, efectos adversos, desabastecementos ou o visado das receitas aos pacientes que o necesitan, Palomi Rodríguez lembra que “estes pacientes sofren retrasos para adquirir a súa medicación”, xa que “a súa receita non está visada con rapidez por carecer dese servizo farmacéutico”.

Ademais, a candidata socialista insiste en que “a maior parte deles son da terceira idade, polimedicados e algúns sen coche, se tiveran que se desprazar”. Esta carencia, engade, non só afecta á veciñanza da Laracha, senón “tamén a veciñas e veciños do resto da comarca”. A da Laracha é a “a única cabaceira de comarca de toda a provincia” nesta situación, destaca Rodríguez.

Por este motivo, dende o PSdeG-PSOE pregúntanse se o Goberno galego “valora prestar o servizo de farmacia de primaria para que poida estar dispoñible na Laracha”. Tamén inquiren sobre se lle consta ao Goberno galego “algunha reivindicación ou proposta trasladada dende responsables locais en nome dos veciños e veciñas de A Laracha”.

Algunhas novas relacionadas