O PSOE de Mugardos critica a escasa execución orzamentaria do goberno municipal

O PSdeG-PSOE de Mugardos lamenta a non execución das inversións previstas para o ano pasado no municipio, logo de que o goberno local do PP presentase esta semana a liquidación do presuposto para dito exercicio. O voceiro socialista e candidato á alcaldía José Ángel Martínez Bardanca considera que este feito “pon de manifesto a incapacidade do Goberno que dirixe Juan Domingo de Deus para xestionar uns orzamentos que permitirían comezar todas esas actuacións tan necesarias para Mugardos”.

Tal e como lembran dende a agrupación local socialista, o orzamento foi aprobado o 19 de maio de 2022, e incluíu unha dotación de 1.479.040 euros para aplicar nunha serie de inversións. Estas consistían na mellora de 4 camiños municipais, a pavimentación de 2 rúas, a reposición da alumeamento público, a construción dun parque e pista multideporte no Baño, a mellora da área recreativa de Beiramar, a reurbanización da Avenida Bello Piñeiro, a construción da biblioteca municipal, a reforma do mercado municipal, e a implementación dun equipo de gravación na sala de plenos. Porén, denuncian, ningunha delas chegou executarse.

“Dende o PSdeG de Mugardos xa é a segunda vez que votamos favorablemente uns presupostos municipais, fixémolo en 2020 e en 2022”, lembra Marínez Bardanca. “Lamentablemente, nas dúas ocasións o goberno municipal non soubo xestionalos”, engade.

O socialista tamén afea ao goberno popular que “nun ano no que se puideron solicitar axudas de todas as administracións” e no que se dispuña “duns presupostos con importantes inversións”, “a nefasta xestión de Juan Domingo e o seu equipo deixou Mugardos cunha inversión de 0€”. Isto inclúe tamén a ausencia de subvencións solicitadas á Xunta de Galicia e aos fondos Next Generation da Unión Europea.

En resumo, Martínez Bardanca conclúe que o informe de execución do presuposto presentado supón un “mal desenlace dunha lexislatura que comezou con moita ilusión, pero remata sendo un auténtico fracaso, algo ao que, desgraciadamente, estamos acostumados en Mugardos”.

Algunhas novas relacionadas