
Carmen Acuña denuncia a “oportunidade perdida” polo Concello de Oleiros ao non secundar a actuación da Deputación en Santa Cristina
A candidata á alcaldía de Oleiros polo PSdeG-PSOE, Carmen Acuña, denuncia un novo episodio de “maltrato” a Santa Cristina, ao non apoiar o Concello a renovación da Avenida impulsada pola Deputación da Coruña. Os socialistas reclaman que o goberno municipal colabore con esta actuación, facendo uso das súas competencias para mellorar outros viais próximos.
Nunha reunión con empresarios da zona xunto a outros membros do seu comité de campaña, “ficou patente o deterioro e a falta de limpeza e coidados” desta parte de Oleiros, en palabras de Acuña. Ela explica que a “gran beleza e atractivo turístico” da zona contrasta coas “rúas sucias e cheas de fochancas” que actualmente se poden atopar nela. Aínda que a Deputación da Coruña vai actuar na propia Avenida, a responsabilidade de mellorar o resto da zona corresponde ao Concello de Oleiros.
Acuña critica tamén que o actual goberno municipal “non está pensando en modernizar a zona”, xa que este presentou alegacións á obra da Deputación que non piden, entre outras cousas, “nin conexións para as novas tecnoloxías, nin zonas de carga para vehículos eléctricos, nin aparcamento para bicicletas eléctricas”. Ademais, os empresarios hostaleiros trasladaron á candidata socialista o problema da falla de taxis nocturnos, algo que consideran que podería mellorar coa intervención do Concello.
“Os socialistas queremos un Oleiros máis igual e nos comprometemos a poñer en marcha un plan de embelecemento e humanización”, indica Carmen Acuña. O obxectivo deste plan sería “colocar Santa Cristina no lugar que lle corresponde e ó mesmo nivel que outros puntos de igual beleza do municipio” para que a zona deixe de estar “esquecida e castigada”.