
Os socialistas presentan aos seus candidatos para o 28M en Ortegal, “os mellores exponentes do incrible capital humano co que conta este partido”
O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, acudiu esta mañá ata Mañón para participar na presentación das candidaturas socialistas da comarca de Ortegal para as vindeiras eleccións municipais, un acto multitudinario no que se deron a coñecer “aos mellores dentro dos mellores, aos mellores expoñentes do incrible capital humano con que conta este partido”.
No acto, que contou coa presenza Montserrat García e Natividad González Laso, deputadas socialistas no Congreso dos Deputados, presentáronse os cabezas de lista dos concellos de Cariño, José Miguel Alonso; Cerdido, Brais Prieto; Cedeira; Pablo Diego Moreda; Mañón, con José Carlos García; e Ortigueira con Juan Vicente Penabad.
Bernardo Fernández repasou as dificultades da última lexislatura por mor da pandemia e da guerra da Ucraína, e tivo verbas moi agarimosas para Benigno Galego, alcalde de Cerdido, que non se presentará ás vindeiras eleccións en substitución de Brais Prieto.
“Estas eleccións teñen moito de plebiscito. Non estamos a falar só dunhas eleccións municipais, que si, non estamos a falar só dos traballos dos alcaldes, alcaldesas e compañeiros da oposición, que tamén, nunha bisbarra que ten moitas similitudes coa Costa da Morte porque compartides con eles a desgracia de que durante algúns anos houbo moitos alcaldes do Partido Popular, pero sobre todo que o Partido Popular sempre vos as costas as dúas bisbarras”, afirmou. “A día de hoxe hai unha débeda histórica con todos os veciños e as veciñas destes concellos”, engadiu.
O secretario xeral do PSdeG Provincial insistiu na defensa dos alcaldes socialistas dos intereses da súa veciñanza por enriba dos intereses do propio partido e amosouse convencido de que o 28M sumará unha nova alcaldía tamén en Mañou.
Bernardo Fernández sinalou que, fronte a este traballo dos socialistas, está o caso dos outros partidos como o BNG, “que ven de votar en contra da reforma dos pensións, unha reforma pactada cos representantes dos traballadores e as traballadoras”.
“A política non é un fin en si mesmo, este partido non é un fin en si mesmo, é un instrumento para chegar ás institucións e mellorar a vida das persoas e aí hai dous modelos moi distintos, o que representa o Partido Popular e o que representa o partido socialista”, continuou antes de engadir: “Os avances deste país chegaron gracias ao partido socialista. Que levan máis 140 anos loitando contra a desigualdade e contra esa desigualdade que o Partido Popular ten na súa xenética política”.
“A cidadanía non quere a aqueles que non defenden os seus intereses e que non aposta, como estamos a facer na comarca do Ortegal, por defender os dereitos da súa veciñanza”, insistiu Bernardo Fernández ao tempo que reiteraba: “Pídovos, por tanto, que nos meses que temos por diante fagades un esforzo. A campaña non vai de pegar un cartel o vir hoxe a dar aquí un discurso. Campaña é estar na rúa cos veciños, cos vosos amigos, cos familiares, explicándolles e dándolles argumentos para que collan a papeleta do partido socialista”.
“Como dicía José Luís Rodríguez Zapatero no último Congreso Federal en Valencia, os grandes logros sociais, económicos e de todo tipo deste país foron soñados antes polos socialistas así que, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras, non deixemos de soñar”, concluíu.