Bernardo Fernández considera as municipais do 28 de maio “un plebiscito entre dúas formas de entender e exercer a política”

O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, xunto ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, arrouparon onte aos candidatos socialistas ás próximas eleccións municipais na comarca de Santiago.

O multitudinario acto celebrado onte en Santa Comba serviu de rampa de saída cara unhas eleccións que Bernardo Fernández considera “transcenden as fronteiras xeográficas dos nosos concellos”. “Son un plebiscito entre dúas formas de entender a actividade política, e sobre todo de exercela: a que representa o Partido Popular e a que representa o Partido Socialista”, subliña.

“O goberno socialista demostrou que, a pesar de ser un goberno con dificultades parlamentarias, puido sacar adiante moitísimas medidas, un goberno que ten diante unha oposición que este país non merece, porque cando estaba en Europa tentando conseguir fondos para financiar moitas das medidas sociais que puxo en marcha, estaba o Partido Popular traballando para que así non fora”, engadiu o secretario xeral do PSdeG Provincial Coruña.

“Pero hai unha cuestión que tedes que ter moi en conta, e é que cando van a Europa a falar mal deste país, non van falar mal de Pedro Sánchez e do Partido Socialista, falan mal de todos e de todas vos. Porque todos e todas vos axudades a construír este país, axudades todos os días co voso esforzo, co sacrificio, co suor cando ides traballar, a facer un país mellor”, reiterou ante os candidatos socialistas da comarca de Santiago.

Bernardo Fernández defendeu “con argumentos o traballo dos compañeiros e compañeiras ao longo destes anos” e sinalounos como “a mellor opción para estar ao fronte dos seus concellos e da institución que está máis preto da cidadanía, a que os defende nos momentos máis complexos”. “Os concellos gobernados por socialistas na comarca de Santiago son referentes nas súas políticas e na defensa da súa veciñanza”, afirmou.

“Un traballo responsable, serio” tanto dende o goberno como dende a oposición, “na lexislatura máis difícil da historia democrática de España”, rematou.

No acto estiveron presentes tamén os candidatos de A Baña, José Antonio Pereira; Ames, Blas García Piñeiro;  Brión, Pablo Lago;  Negreira, Manuel Ángel Leis; Ordes, María Concepción Berdomas; Oroso, Luis Rey; Padrón, Anxo Rei Arca; Dodro, Francisco Xabier Castro; O Pino, Óscar Vilar; Rois, Manuel Regueira; Santa Comba, Alberto Romar; Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; Teo, Uxía Lemus de la Iglesia; Tordoia, Tomás Castro; Touro, Gemma Verónica López; Trazo, Eugenio Pazos e Val do Dubra, Diego Luis Díaz.

Algunhas novas relacionadas