
O PSOE de Coristanco denuncia irregularidades no recibo da auga
O voceiro socialista e candidato á alcaldía de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, denuncia unha serie de irregularidades nos recibos da auga no municipio, que suporían un cobro excesivo por este servizo.
“O recibo da auga cóbrase por tramos, en función do consumo. Unha medida que impuxo Augas de Galicia a través do canon da auga e cuxo fin é controlar o consumo e penalizar a aqueles veciños e veciñas por excesos”, sinala Pérez Abelenda. “Suponse que é unha medida para evitar despilfarros, pero na actualidade estase a volver unha medida en contra da veciñanza de Coristanco”, puntualiza.
“Como exemplo temos recibos que unicamente se cobra o mínimo, uns 17€, pero que no seguinte recibo chega aos 70€. Isto sucede porque nun dos trimestres realízase unha estimación á baixa, tan á baixa que indica como lectura real 0m3 de auga consumida. Isto evidencia que non se están a facer medicións nin tampouco a seguir o criterio do propio organismo autonómico, o cal indica que as estimacións deben ser tomando en consideración a media do consumo de anos anteriores”, sinala o socialista.
Neste sentido, os socialistas de Coristanco levan tempo advertindo “sobre as continuas reclamacións presentadas polos veciños e veciñas, por iso preguntamos na sesión plenaria de xaneiro e na deste pasado xoves, aínda que desta vez ao alcalde molestoulle que quixeramos novamente sacar o tema das facturas e cortou continuamente a intervención do portavoz socialista”
“Non nos convence a resposta do alcalde, quen argumenta unha excesiva sequía, contadores no interior das vivendas que non se poden ler ou incluso que a cidadanía erra ao manipular as chaves de paso e cando existía traída municipal e pozos propios na mesma vivenda ou incluso a existencia de piscinas”, engade Pérez Abelenda.
“Non ten lóxica algunha as explicacións, nin tampouco a intención de non asumir a responsabilidade. O que sucede é que non se len os contadores ou se estiman facturas erroneamente. Así, os veciños e veciñas reciben facturas co importe de 6 meses e, debido aos tramos do canon da Xunta, son importes elevados”, explica o socialista.
“Tampouco é de recibo, que se faga alusións ás piscinas, xa que de ser así, os recibos por importes elevados serían os correspondentes ao terceiro trimestre e non o correspondente aos comprendidos entre o 15 de outubro e o 15 de xaneiro. Todos sabemos que no inverno non se utilizan as piscinas.”, lamenta Pérez Abelenda.
“Outro exemplo máis de que no se realizan as lecturas cando corresponde e que logo os veciños e veciñas veñen a pagar cada 6 meses e non cada 3”, conclúe o candidato.