
Carmen Acuña propón un plan de dinamización do comercio de Oleiros partindo da mellora do mercado municipal de Perillo
A candidata socialista á alcaldía de Oleiros, Carmen Acuña, visitou Perillo, no marco da súa iniciativa de intercambio de opinións “Falar sen medo”. A socialista percorreu nas últimas semanas distintas parroquias de Oleiros, co obxectivo de coñecer as propostas e preocupacións da veciñanza.
“En Perillo, trasladáronnos que o Goberno local remodelará o Mercado Municipal, pero iso confróntase cun dos grandes problemas de Oleiros: a falta de vida comercial e veciñal. Non é suficiente con mellorar o edificio, Oleiros precisa un plan de dinamización do mercado para que promova o comercio de proximidade”, sinalou a candidata socialista.
Algunhas das medidas que debería de incluír o plan de dinamización son “taxas e canon asumibles, unha mellora dos accesos, propoñer un transporte público que permita achegarse dende calquera punto do municipio, solucionar os problemas de aparcamento e, por suposto, apoiar e promover dende o Concello a entrega a domicilio da compra”.
A cidadanía de Perillo tamén teme que o novo mercado complique aínda máis a dificultade de aparcamento que xa existe hoxe no Centro de Saúde, próximo á instalación comercial. “Existe a sensación de que a alcaldía despreocúpase completamente deste tipo de problemas”, indica Acuña.
Escola de artes plásticas e problemas de mantemento nas infraestruturas
En Perillo tamén botan en falta a anunciada escola de artes plásticas, “un anuncio que provocara no seu día o peche da Escola do Castaño, deixando á zona sen este tipo de actividades”.
A isto súmase que Perillo “precisa melloras en distintas infraestruturas e servizos, como na recollida de auga pluviais, limpeza nas rúas ou na casa do pobo, que ten serios problemas de calefacción”. A socialista recolleu tamén a necesidade de mellorar as beirarrúas, “deben estar acondicionadas e en bo estado para garantir a seguridade dos peóns”.
“Tamén debería de valorarse colocación de aseos públicos nalgún punto do paseo marítimo, que parece que crece en función das novas urbanizacións e non coa intención de humanizar a costa”, concluíu a candidata.