Os concellos das Fragas do Eume apoian as reivindicacións dos propietarios dos terreos ante a falta de consenso na elaboración do Plan Reitor da Xunta

Os Concellos das Pontes, A Capela, Pontedeume, Cabanas e Monfero, gobernados polo PSdeG-PSOE, respaldan as reivindicacións dos veciños e propietarios dos terreos afectados polo Plan Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume, que a Xunta de Galicia vén de presentar “sen consenso nin diálogo, sen dar resposta a moitas das alegacións e sen ofrecer compensacións xustas polas limitacións que supón para os usos das terras”.

O alcalde das Pontes e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, os alcaldes da Capela, Manuel Meizoso; Cabanas, Carlos Ladra; Monfero, Andrés Feal, e os concelleiros de Pontedeume José Simoes e Manuela García participaron esta domingo nunha reunión con centos de propietarios, que demandan a retirada cautelar do PRUX e convocan unha gran mobilización o xoves santo para esixir á Xunta que o Plan se elabore con “consenso” e contemple “compensacións axeitadas” para os propietarios das terras, xa que consideran insuficientes as previstas actualmente.

Os socialistas lamentan que, tras vinte anos co Plan Reitor pendente, a Xunta comunique a súa aprobación de forma unilateral, sen dar antes resposta ás alegacións dos veciños e sen abrir un diálogo con eles para concretar aspectos tan importantes como os usos e restriccións que afectan a cada zona ou as indemnizacións previstas en función desas limitacións de usos.

Os concellos das Fragas do Eume apoian estas reivindicacións e súmanse á mobilización prevista para o xoves 6 de abril.

Algunhas novas relacionadas