Walter Pardo urxe ao Goberno local de Malpica “a solicitar fondos europeos para acometer as melloras na rede de auga potable”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, visitou Malpica de Bergantiños xunto ao voceiro e candidato socialista, Walter Pardo; a deputada no Parlamento Galego, Begoña Rodríguez Rumbo, e a deputada no Congreso, Montserrat García Chavarría. Durante a visita, os representantes socialistas valoraron o estado da estación de tratamento de auga potable (ETAP) do municipio e esixiron ao Goberno local que solicite os fondos Next Generation para realizar as obras de mantemento da instalación.

“Nos últimos meses, en Malpica tivemos varios episodios de problemas coa auga potable, que non podía beberse debido a un exceso trihalometanos. Como se pode observar, a ETAP precisa unha reforma integral das súas instalacións ou mesmo facer unha nova captación para garantir auga de calidade á vila”, sinala Pardo.

Neste sentido, o voceiro e candidato socialista reclamou ao Goberno local “que solicite ao Goberno de España fondos europeos Next Generation para redactar un proxecto dunha nova captación de auga ou mellorar as instalacións da ETAP

Pola súa banda Bernardo Fernández Piñeiro, líder dos socialistas na provincia, recordou que a problemática na auga da rede municipal “supón interferir na prestación dun servizo tan básico como é a auga potable”.

“Por iso, é urxente que o Concello de Malpica aproveite as posibilidades deses fondos europeos Next Generation para realizar un investimento na prestación deste servizo básico”, conclúe Fernández Piñeiro.

Algunhas novas relacionadas