
O socialista Diego Luís Díaz presenta a súa candidatura á alcadía de Val do Dubra
Este xoves, 23 de marzo, o Auditorio de Val do Dubra, en Bembibre, acolle a presentación de Diego Luís Díaz como candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
Dende as 20.30 horas, nun acto aberto á veciñanza, Diego Luís Díaz subliñará as liñas do seu programa co obxectivo “de poñer este Concello en marcha”.
“É o momento de ofrecer un proxecto serio afastado de intereses particulares e que leve dunha vez por todas ao Val do Dubra ao século XXI”, subliña.
Diego Luís Díaz, secretario xeral do PSdeG-PSOE de Val do Dubra, concorre por segunda vez ás eleccións municipais. Nos pasados comicios logrou recuperar a representación socialista no Pleno municipal catro anos despois ao acadar dous concelleiros e posicionarse como terceira forza política.
“Quero gobernar para presidir un novo goberno municipal que coloque aos veciños e veciñas como protagonistas da vida política. Hoxe temos un goberno tripartito liderado polo PP, que aplica políticas propias dos anos 90 afastada dos intereses xerais da xente, e por iso queremos reverter esta situación. Hai outra forma de gobernar”, afirma o candidato.
Dende o PSdeG-PSOE Val do Dubra convidan aos veciños e veciños a participar no acto de presentación deste xoves.