
Macu Acuña critica “o abandono nos servizos e infraestruturas públicas que sufren os veciños de Iñás, con deficiencias graves ademais no transporte público”
A candidata socialista á alcaldía de Oleiros, Macu Acuña, visitou Iñás xunto ao comité de Campaña do PSOE para escoitar as demandas e propostas dos veciños da zona.
“Os mesmos problemas que noutras zonas, unha desigualdade que non é tolerable, non se pode falar dunha boa xestión municipal cando nunhas zonas do concello coidanse con esmero ata os xardíns e rotondas, mentres que noutras, como no caso de Iñás, non se dispón nin de beirarrúas en moitas das rúas”, asegura Acuña.
“As estradas de Iñás están cheas de fochancas, non se canalizan as augas pluviais e hai mou poucos colectores de lixo; un abandono total para atender as necesidades fundamentais e os servizos máis básicos que debe prestar un concello”, engade.
En palabras da candidata socialista, “en Iñás temos outro exemplo de urbanismo excluínte, expúlsase ao veciño nado aquí mentres se recibe de bo grado e entusiasmo ao que chega de fóra con cartos suficientes para mercar unha vivenda”.
Por outra parte, os veciños traladaron aos socialistas os seus problemas de comunicación polas deficiencias no transporte público: “Desde Iñás tardamos tanto en chegar a Madrid en avión, como a Betanzos en autobús”, aseguran.
“Hai tamén problemas de tráfico e numerosos cortes de luz, difíciles de entender que sucedan nun concello da área metropolitana da Coruña e no século dos avances tecnolóxicos; tal vez o problema é que o rexedor é do século pasado”, lembra Acuña.
“Os socialistas presentamos un proxecto baseado no traballo e o compromiso, fronte ao caciquisimo rancio das merendiñas e os discursos populistas; o proxecto do actual alcalde de Oleiros é rancio e está esgotado”, remata a candidata do PSOE.