
Os socialistas demandan á Xunta a ampliación do dique de abrigo do porto de Malpica “para mellorar a seguridade e impulsar a actividade pesqueira”
O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, xunto á deputada socialista no Congreso, Montserrat García, e á deputada no Parlamento galego, Begoña Rodríguez, uníronse esta mañá á reivindicación do portavoz e candidato socialista á alcaldía de Malpica, Walter Pardo, de ampliar o dique de abrigo do porto pesqueiro da vila.
Os socialistas instan á Xunta de Galicia a que cumpra cunha “reclamación xusta” e resolva “unha débeda histórica”, ampliando o dique “tanto por motivos de seguridade como polos beneficios económicos que xerará”.
“Instamos á Xunta a que realice a ampliación do dique de abrigo uns 200 metros, o que garantiría a seguridade dos nosos mariñeiros no porto de Malpica e tamén incrementaría as descargas de peixe, non só as do cerco e as do peixe de baixura que temos agora, senón que tamén dos arrastreiros e dos barcos de altura”, subliña Walter Pardo. “Todo isto incrementaría o emprego e a economía no noso pobo”, engade.
O voceiro socialista urxe ao goberno autonómico a que “mire polos mariñeiros e invirta en portos onde a despoboación está medrando”. “Con este novo dique ampliaríanse considerablemente o número de postos de traballo directos vinculados á actividade pesqueira. Malpica converteríase con esta infraestrutura que estamos a propoñer nun porto referente en Galicia” sostén o portavoz socialista.
O secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de A Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, reiterou a demanda para o pobo e o porto de Malpica, “co obxectivo de seguir medrando e ter un futuro realmente próspero”.
Bernardo Fernández recorda que a reclamación xa está tramitada e solicitada no Parlamento de Galicia e lamenta o voto en contra do Partido Popular, opoñéndose á proposición non de lei presentada polo grupo socialista. Ao mesmo tempo instou ao Partido Popular “a que mude na súa actitude”. “Pedimos ao PP que fixe un compromiso de lealdade con esta vila e que apoie este investimento, fundamental para o futuro económico do concello de Malpica”, remata.