Os socialistas de Boimorto agradecen o apoio da Deputación da Coruña na mellora do parque infantil da Gándara

O secretario xeral do PSdeG-Provincial da Coruña e voceiro socialista na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, visitou as obras do parque infantil de A Gándara en Boimorto. O líder provincial estivo acompañado pola voceira socialista en Boimorto, Sandra Sánchez, quen agradeceu o esforzo da Deputación nestas obras.

“En total, dende o Goberno provincial financiamos as obras deste parque infantil cunha subvención de 90.000 euros. Estes traballos permiten acondicionar a contorna do parque, con novo pavimento e valado, así como melloras na iluminación e noutros materiais”, explica o líder dos socialistas na provincia.

“Colocaranse diferentes elementos de xogo como unha tirolina ou varios columpios, entre outros xogos. Ademais, atendendo ás necesidades da rapazada con algún tipo de discapacidade, instalarase un elemento de xogo accesible a estes nenos e nenas”, detalla Fernández Piñeiro.

O socialista aproveitou para resumir os investimentos da Deputación da Coruña no municipio de Boimorto, “que superan os 6,6 millóns de euros nos últimos anos”. “Grazas aos fondos provincias, Boimorto conta con 3,8 millóns de euros do Plan Único, co que se financiaron 35 obras dende 2017”, explica Fernández Piñeiro.

Entre esas obras inclúense “a mellora do mobiliario urbano na Gándara, a nova sala de convivencia da residencia de Boimorto, a mellora de numerosas estradas e camiños en zonas como Rodieiros, A Igrexa, Franzomil, Mercurín, Viladóniga, Brates ou Sendelle. Os fondos provinciais tamén contribuíron a mellorar os servizos básicos, como o abastecemento e saneamento ou o alumeado público”.

A voceira socialista, Sandra Sánchez, sinala que estes investimentos provinciais “melloran infraestruturas e servizos que contribúen a incrementar a calidade de vida da veciñanza de Boimorto”. A estes investimentos, súmanse as 18 entidades deportivas, culturais e veciñais que reciben axudas da Deputación da Coruña a través da liña de subvencións.

Algunhas novas relacionadas