
O PSOE de Rianxo denuncia a “precariedade da atención primaria no centro de saúde do municipio”
Os socialistas de Rianxo denuncian a “precaria situación da atención primaria no municipio, que leva anos abandonada, ao que se suma a falta dun servizo de pediatría de calidade”.
“É unha problemática que só se agrava”, explica o candidato socialista á alcaldía, Óscar Rial. Neste sentido, o socialista insiste “as baixas actuais dos profesionais sanitarios non se están a cubrir, ao que se suma que xa había baixas anteriores que tampouco tiñan substituto”. “É unha situación de precariedade absoluta”, remarca.
Unha situación que se agrava especialmente no servizo de pediatría. “Esta semana o servizo de pediatría non terá servizo, xa que a pediatra titular está de baixa e tampouco se cubre a súa praza”, engaden os socialistas.
O servizo de pediatría no centro de saúde de Rianxo “xa era de por si precario, dado que esta doutora atendía unha elevada carga de traballo, máis de 40 persoas de atención continuada”.
“Non contar con persoal de apoio, para aliviar a carga de traballo e cubrir as baixas, repercute nunhas condicións laborais insoportables, cunha alta precariedade e estrés laboral”, insiste Rial.
“Actualmente, o servizo de pediatría en Rianxo realízase de forma rotativa de 8:00 a 12:00. Así, un profesional de outros municipios como Dodro, Boiro e mesmo Valga, rótanse para realizar traballos ordinarios como a vacinación ou consultas”, explica.
“Pero a partir do mediodía, xa non hai pediatras no centro, polo que se o rapaz ten menos de 3 anos derívano aos centros próximos de Dodro e Boiro. E se ten máis de 3 anos é atendido polo médico de cabeceira dos pais, o que se suma ao colapso que xa tiña o servizo médico de atención a adultos”, engaden.
“Con todo isto, queremos remarcar a necesidade de instar á Xunta de Galicia a solucionar inmediatamente esta situación. O estado actual da nosa atención primaria obriga ás familias a desprazarse a outros municipios e priva á cidadanía dun servizo sanitario de calidade”, conclúe.