
O PSOE de Oza-Cesuras denuncia que a proposta do PXOM do Goberno local elimina 897 parcelas no antigo municipio de Cesuras
O PSOE de Oza-Cesuras mantén desde hai semanas xuntanzas con diferentes asociacións veciñais e publica nas redes información sobre como se configuraría o planeamento urbanístico do municipio se prospera o Plan Xeral de Ordenación Municipal que Concello está a tramitar.
A día de hoxe, completouse a información relativa ás 13 parroquias do antigo Concello de Cesuras.
Nesta parte do termo municipal, un total de 897 solares edificables deixarían de selo no novo Plan. A reconversión das parcelas, de edificables a rústicas, supón unha merma económica para os veciños de Cesuras de aproximadamente 9 millóns de euros, o valor medio actual da totalidade das parcelas afectadas.
Nos vindeiros días, os socialistas seguirán dando información da proposta do PXOM noutras parroquias, concretamente naquelas que formaban parte do antigo municipio de Oza dos Ríos. “Destas 12 parroquias, o Goberno local únicamente facilitou información completa sobre a de Porzomillos”, indican fontes do PSOE de Oza-Cesuras.