Bernardo Fernández insta a “recuperar o pasado de mellora e modernización que fixo avanzar Rianxo baixo Gobernos socialistas”

Os socialistas de Rianxo presentaron onte a Óscar Rial como o seu candidato ás vindeiras eleccións municipais. No acto interveu o secretario xeral do PSdeG-Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro. Tamén estiveron presentes o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e o secretario de Economía e Transformación Dixital do PSOE, Pedro Casares, entre outros representantes socialistas.

“Damos un paso adiante nas nosas vidas para propoñer un cambio en Rianxo. Un cambio no que xa estamos traballando para que Rianxo recupere os servizos que merece”, sinalou o candidato socialista, quen está a realizar visitas á cidadanía e ás distintas institucións para promover proxectos na vila.

Rial deu as grazas ao seu equipo, “que responde, que traballa e que se involucra”. Tamén agradeceu o labor da anterior candidata, Mari Carmen Figueira, “quen realizou un gran traballo en momentos moi complicados”.

Pola súa banda, o líder provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro definiu o proxecto de Óscar Rial como “a mellor opción para estar ao fronte desta alcaldía e a que garante a mellor calidade de vida para a veciñanza de Rianxo”. O socialista insistiu en “recuperar o pasado glorioso desta vila baixo o goberno dos socialistas”.

O secretario xeral valorou a inxente cantidade de fondos que a Deputación da Coruña presidida polo Partido Socialista está a transferir ao Concello de Rianxo que lle permite financiar o 70% das obras que se executan neste municipio.

Fernández Piñeiro remarcou a transcendencia destas eleccións no futuro, “máis alá das siglas cómpre pensar no mellor para Rianxo, para Galicia e para España”. Neste sentido, o líder provincial enumerou medidas como “a subida das pensións, o aumento o salario mínimo interprofesional, a rebaixa do IVE da cesta básica da compra ou da enerxía, o esforzo do Goberno para que cada rapaz poida ir á universidade, a favor de que haxa axudas aos transportistas… Estas son só algunhas das medidas aprobadas polo Goberno e que definen ao Partido Socialista”.

Algunhas novas relacionadas