
Os socialistas de Boimorto agradecen o compromiso da Deputación coa creación dunha senda peonil no municipio
O secretario xeral do PSdeG-Provincial da Coruña e voceiro socialista na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, supervisou as obras dunha senda peonil na DP-1002, impulsadas polo Goberno provincial.
“Estes traballos permitirán acondicionar unha senda para os peóns na marxe da estrada, que discorre próxima a un centro de maiores”, sinalou o líder socialista na provincia.
“En total, dende a Deputación da Coruña destinamos a esta obra un orzamento de máis de 300.000 euros, no marco dos traballos de acondicionamento das vías provinciais”, engade Fernández Piñeiro.
Concretamente, ensancharase a calzada para poder habilitar a nova senda peonil. Ademais, habilitarase unha rede de recollida de augas pluviais nas zonas necesarias, para garantir o mantemento da vía.
Os representantes do grupo socialista en Boimorto acompañaron a Fernández Piñeiro na súa visita á localidade. A voceira socialista en Boimorto, Sandra Sánchez, agradeceulle “á Deputación da Coruña os investimentos en Boimorto, que permitirán mellorar a seguridade dos peóns nesta zona”.