O senador coruñés Manuel Mirás, ponente socialista da nova Lei de pesca sostible “que impulsa a protección social e o acceso á xubilación das mariscadoras galegas”

O pleno do Senado aprobou de forma definitiva o proxecto de Lei de pesca sostible e investigación pesqueira, unha norma que busca adaptar a pesca á realidade actual a través da sustentabilidade dos recursos biolóxicos, o uso da mellor e máis recente información científica e o enfoque ecosistémico, en relación cos acordos internacionais e os regulamentos europeos.

O senador pola Coruña Manuel Mirás foi o ponente socialista e defensor da Lei en Comisión e na sesión do Pleno deste mércores. “Como galego compráceme especialmente a presentación deste proxecto de Lei, que actualiza e moderniza a lei 41 de 2010 reguladora da actividade de pesca marítima, á luz dos numerosos cambios normativos producidos nos últimos anos no marco da Unión Europea e dos tratados internacionais”, sostén.

Un dos aspectos máis importantes da lei é que dignifica ás mulleres nas actividades laborais do sector pesqueiro en materia de protección social e idade de xubilación, recoñecendo o traballo que realizan.

“No caso de Galicia e a provincia da Coruña, refírome por exemplo ás mariscadoras, así como as redeiras do País Vasco. Grazas ao cambio normativo que recolle o texto, deixarán de ser as únicas ocupacións do réxime especial do mar sen acceso aos beneficios en materia de idade de xubilación. Ademais, ás mariscadoras subiráselles o coeficiente para homologalas coas profesións análogas”, explica Mirás.

“Unha vez máis, o Partido Socialista é quen resolve a desigualdade de xénero, neste caso no acceso á xubilación. Somos o partido que non só se acorda delas na oposición, senón que cando gobernamos nos coaligamos coa súa causa para equiparar dereitos entre mulleres e homes”, engade.

Sustentabilidade e biodeviversidade

A nova lei actualiza e moderniza a Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño, á luz dos numerosos cambios normativos producidos nos últimos anos no marco da Unión Europea e dos tratados internacionais. “Ten como obxectivo impulsar a sustentabilidade económica e social como elemento central da xestión pesqueira, agrupando nunha única lei a normativa actualmente dispersa, adaptando a ordenación das diferentes artes, modalidades e censos dos caladoiros”, precisou.

Mirás destacou que a nova normativa fai especial fincapé tamén na conservación da biodiversidade mariña, regulando a investigación a través do CSIC e o seu Instituto Oceanográfico nun sentido amplo, desde a xenética das especies ás melloras nos buques e nos métodos e artes de pesca, para que a sustentabilidade abarque a totalidade da actividade pesqueira.

Por último, asegurou que esta lei “permitirá que a España costeira siga desenvolvendo a actividade pesqueira no novo escenario global de loita contra o cambio climático e sustentabilidade aplicada a todos e cada un dos sectores da actividade humana”. “É algo que os nosos pescadores, especialmente aqueles que se dedican á pesca artesanal, apoian plenamente”, concluíu.

Algunhas novas relacionadas