Os socialistas de Coristanco resumen as súas propostas neste mandato nun boletín que repartirán porta a porta

O PSdeG-PSOE de Coristanco repasa parte do traballo realizado neste mandato municipal nun boletín informativo que repartirá porta a porta entre a veciñanza do municipio.

O boletín recolle un resumo das accións e iniciativas rexistradas no concello polo Grupo Municipal Socialista de Coristanco, a través do seu portavoz e candidato á alcaldía José Manuel Pérez Abelenda. “Traballamos para transformar en propostas as necesidades que nos trasladaron os veciños e veciñas”, sinala o socialista.

Dunha banda, “os socialistas, a través dunha emenda aos orzamentos, incluímos nas contas do 2022 a mellora no acceso ao lugar de Carantos, o arranxo do local social da Abelenda e o inicio dos servizos de madrugadores e de xornada continua”, sinala o voceiro.

Os socialistas lamentan o bloqueo do Goberno do Partido Popular a estas iniciativas. “Son proxectos que están aprobados, pero que o Goberno local se resiste a poñer en marcha”, engaden.

Doutra banda, “os socialistas fixemos un seguimento de obras que estaban aprobadas e que contan con asignación económica, pero que o Goberno local do PP aínda non realizou”. Entre esas obras, “inclúese o saneamento, os traballos de reurbanización de Ponte Pequena, Oca ou Xaviña, entre outros proxectos”.

Ademais, o grupo socialista de Coristanco, a través dos representantes socialistas no Parlamento, “presentamos emendas aos orzamentos da Xunta, que non se axustan ás necesidades da nosa vila”.

Por último, “os socialistas presentamos á Deputación da Coruña diferentes proxectos no municipio, para que sexan financiados con fondos provinciais”. Neste sentido, os socialistas destacan os investimentos do goberno provincial de Valentín González Formoso, “como os traballos na piscina municipal de Rocheira, o proxecto de saneamento no Piñeiro ou os fondos provinciais destinados ao emprego e a gasto social”.

Algunhas novas relacionadas