O PSOE de Oleiros insta ao Goberno local a solucionar os problemas de seguridade viaria no Couto

A candidata socialista á alcaldía de Oleiros, Carmen Acuña, esixe ao Goberno local a solucionar os problemas de seguridade viaria na AC-173, ao seu paso polo Couto. Os socialistas demandan ao Concello de Oleiros que asuma a titularidade deste tramo para acometer as melloras viarias que a Xunta se nega a realizar.

Acuña reuniuse cos veciños e veciñas afectados pola falta de seguridade na vía, acompañada pola deputada no Parlamento autonómico, Begoña Rodríguez Rumbo, e a deputada no Congreso, Montserrat García Chavarría.

“Dende hai 2 anos a veciñanza desta zona denuncia o grave problema de seguridade para os peóns. A Xunta é a titular desta estrada, pero négase a cumprir coas demandas veciñais, que solicitan habilitar o paso de peóns e reducir a velocidade máxima no tramo de 70 km/h a 50”, explica Acuña.

“Non obstante, aínda que é unha estrada de titularidade autonómica, dado que se trata dun tramo urbano, o Concello de Oleiros podería administrar esta vía tras aceptar a cesión da Xunta. O alcalde Oleiros xa asumiu a cesión doutros tramos nesta vía, que une Santa Cristina con Mera, pero se nega a asumir o tramo no Couto”, insiste a socialista. Neste sentido, Acuña explica que se o Goberno local asumise a cesión deste tramo, “o Concello de Oleiros podería acometer as melloras necesarias para garantir a seguridade”.

“Malia a importancia dun problema de seguridade viaria, o alcalde de Oleiros prefire levar xa dous anos discutindo coa Xunta sobre se mellorar ou non a estrada, en lugar de dar solucións á veciñanza”, lamenta a socialista.

A candidata socialista anunciou que instarían ao Goberno local “a atender a solicitude deste barrio, se a Xunta non resolve, debe ser a administración máis próxima a que se encargue desta problemática”.

Algunhas novas relacionadas